InicioEconomíaXorxe Caldeiro, CIG A Mariña: "si que foi frustrante aceptar a parada...

Xorxe Caldeiro, CIG A Mariña: “si que foi frustrante aceptar a parada das cubas de Alcoa”

Xorxe Caldeiro, secretario comarcal da CIG na Mariña, fai un repaso da situación laboral da comarca despois dun 2021 e comezos de 2022 convulsos. A parada das cubas en Alcoa ou as negociacións en Vestas puxeron no mapa por un tempo un lugar que para Caldeiro "é un polo industrial". Non obstante, ese polo non parece estar tan ben atendido polas autoridades autonómicas e estatais como debera. As vías de comunicación, o tráfico marítimo e as iniciativas que poidan chegar á Mariña son temas pendentes de cara solventar o problema do desemprego e da emigración.

Publicada o

- Advertisement -

-Como recibides a suba do SMI a mil euros en CIG A Mariña?

Nós entedemos que a suba do SMI debe aplicarse da mesma maneira que se aplica o resto da lexislación laboral. Outra cousa é a afectación sobre traballadores e traballadoras baixo convenio, nesas áreas será menor, pois a maioría dos convenios están por encima dos 1.000€. Desde logo que haberá sectores da poboación beneficiados por esta suba, nós estamos a favor dela mais consideramos que debera chegar ao 60% do salario medio español. Mais calquera paso que se dea nese sentido, benvido sexa.

-A suba do SMI é posible que non impida ou free a precariedade laboral. Entendédelo así?

Si, efectivamente. Mesmo con esta pseudoderrogación sobre a reforma laboral de 2012, queremos dicir que o remate da temporalidade nos contratos e por tanto da precariedade laboral, para nada é así. Isto é unha camuflaxe, un cambio de nomes para determinados contratos mais manterase a situación xa existente. Os despedimentos seguirán sendo igual de baratos que antes, por tanto a estabilidade do emprego estará en cuestión, non se garante a estabilidade, por tante continuará a precariedade e con salarios baixos.

-Tedes realizado comparativas entre os salarios medios na comarca fronte aos doutras comarcas galegas? Como os cualificariades?

Na comarca hai dous mundos, Alcoa e auxiliares con salarios por riba da media, e logo están os convenios de sector ou convenios propios moitas veces por debaixo da media galega, falo de convenios como a hostalaría ou a limpeza. Por tanto, si, hai convenios que deberan estar máis altos que na actualidade.

-Sobre as auxiliares de Alcoa, a finais do ano pasado houbo unha folga dentro dunha delas, unha empresa de limpeza, un dos sectores nomeados na túa resposta anterior. É como se houbese unha diferenza marcada entre diferentes postos de traballo.

Vimos arrastrando historicamente esa discriminación en traballos feminizados ou cunha presenza maioritaria de mulleres, unha discriminación fronte a empregos desenvolvidos por homes. Continuamos loitando contra esas diferenzas, agora mesmo estase facendo folga no convenio das conservas reclamando a equiparación salarial ante as fendas salariais segundo os postos que desenvolven os traballadores e traballadoras. Os postos maioritariamente ocupados por mulleres cobran menos que os ocupados polos seus compañeiros masculinos dentro da mesma categoría.

Os despedimentos seguirán sendo igual de baratos que antes, por tanto a estabilidade do emprego estará en cuestión

-A xente nova da comarca sofre tamén discriminación en canto precariedade laboral e salarial no seu primeiro posto de traballo?

Estou de acordo en que hai discriminación sobre a xente nova recén incorporada ao mercado laboral. Os contratos de formación e todos os semellantes a eles tamén contribúen á explotación da xente nova que se incorpora ao mercado laboral. Tamén é certo que realizan labores semellantes ás dos demais empregados cun menor custo para a empresa con salarios moi baixos. Logo a falta de estabilidade laboral impide a esa xente nova levar adiante un proxecto de vida e organizar o teu futuro con certa estabilidade.

-A FP dual pode levar a unha pseudocontratación de xente nova en formación e que despois a empresa prescinda deles?

Ese é o problema que lle vemos a ese sistema. Para nós está claro que calquera persoa en formación necesita ter prácticas laborais, mais as prácticas non deberan esar tuteladas polas empresas senón polo profesorado do ciclo formativo quen deberan supervisar a formación nas empresas. Esa formación moitas veces pode levar a ter unha man de obra barata, unha man de obra realizando traballos que non lle aporta nada como aprendizaxe nin de formación.

-Tamén existe a cultura das horas extra case sen límite, sobre todo en sectores como a construción e en épocas como o verán.

A lei prohibe facer máis de 80 horas extras por ano, aínda así sabemos do incumprimento desta prohibición en moitos sectores como a construción, onde era frecuente facer unha hora de mais todos os días, unha hora que logo non era remunerada ou si, dependía da empresa. É unha explotación evidente e tamén é unha fraude utilizada por moitas empresas pois moitas veces non poden declarar esas horas como extras, por tanto figuran baixo outros conceptos que cotizan menos. Por iso digo que son unha fraude para a sociedade e para a Seguridade Social, pois cotizan menos.

Os contratos de formación e todos os semellantes a eles tamén contribúen á explotación da xente nova que se incorpora ao mercado laboral

-Que sectores laborais na comarca están perdendo máis man de obra, sobre todo persoas novas que emigran.

A xente que emigra son persoas maioritariamente con títulos superiores e que non encontran aquí postos de traballo. Vémolo no sector público, por exemplo na sanidade, onde a xente marcha ante a precariedade dentro da sanidade pública pois cada vez se fan menos contratos coa correspondente inestabilidade. Iso obriga a emigrar a outros países ou mesmo aquí ao pé, en Asturias, porque hai moitísimo persoal de enfermaría ou especialistas de medicina que se desprazaron a hospitais asturianos onde teñen maior estabilidade contractual. Despois está o sector industrial que está vivindo unha crise igual ao do resto do país.

-A posible instalación da empresa Altri podería materializarse na comarca baixo condicionantes de recortes laborais ou doutro tipo?

Espero que non se dean eses condicionantes. Eu son da opinión de poñer todas as facilidades para a instalación de empresas e os gobernos deberan estar xa preparando o terreo. Iso inclúe as reclamacións históricas que remarcamos na folga xeral da Mariña o 17-N, reclamando infraestruturas como algo básico para atraer empresas que creen postos de traballo. Eses postos de traballo deben ser de calidade e garantindo unhas condicións dignas.

-Sobre as infraestruturas na Mariña, cales son os cambios máis urxentes para facer a comarca atractiva ao investimento?

De maneira inmediata hai que cambiar a actitude dos gobernos, tanto central como da Xunta cara esta comarca, que está abandonada tanto por gobernos do PP como do PSOE. Non acompasaron a creación de servizos coa relevancia da comarca. Este é un polo industrial do país e seguimos coas mesmas infraestruturas e as mesmas reclamacións de hai 30 anos. O FEVE está desaparecido cando o resto do país está falando do AVE, cando están falando de ter unha infraestrutura ferroviaria do século XXI, aquí pouco máis estamos no século XIX. Temos unhas vías atravesando a comarca dunha punta a outra sen sacarlle rendemento nin para transporte de persoas nin de mercadorías. Iso sería básico. Outra reivindicación histórica é unha autovía que atravese todo o territorio e non acabe desviada cara o interior en Barreiros como fai a autovía do Cantábrico. Sobre a A-74 os orzamentos que veñen do Estado como da Xunta son practicamente nulos, simplemente é un estudo, unha planificación mais un investimento real para “facer en tantos anos estas estradas”, pois o investimento é cero, nada. Aí necesitamos o impulso dos goberno central e autonómico. Outro sería o dique norte de Alcoa, en Morás, que levamos décadas pedindo que se abra para a exportación de madeira e a entrada e saída de mercadorías. Todo iso serviría para crear as bases dun atractivo para atraer empresas. Estamos nunha economía global e por iso necesitas aportar algo, neste caso infraestruturas.

A xente que emigra son persoas maioritariamente con títulos superiores e que non encontran aquí postos de traballo

-Os parques eólicos e a hipotética central hidroeléctrica no Xistral solucionarían o problema de enerxía sobre o que incide Alcoa?

Todo isto son plans feitos á marxe de Alcoa. A multinacional está sendo usada como escusa para darlle vía a todos estes proxectos. Ademais, habería que ver en rigor até onde son necesarios para a comarca, pois a electricidade se non vén dun parque instalado aquí pode vir dun parque instalado noutra área. Sendo nós partidarios da enerxía eólica e das renovables, consideramos este boom eólico como algo artificioso e que só beneficia a grandes empresas cuxo propósito é buscar unha grande rendibilidade dentro do sector eléctrico. A Xunta neste sentido ten unha política errática, un día fala de moratoria e para o outro día levanta a moratoria, e ademais, sobre este tema vemos tamén unha guerra entre Xunta e Goberno central onde cada un ten unhas empresas de cabeceira onde ministros, gobernantes e conselleiros acaban nos seus consellos de administración. Estas iniciativas non crean postos de traballo estables e con futuro. Si se poden crear postos de traballo no momento específico de creación dos parques, mais non despois. Un exemplo témolo en Muras onde o parque eólico só ten dous postos de traballo fixos. Entendemos que iso non é un futuro para A Mariña e si é unha vía de lucro para determinadas empresas. Por tanto, estes proxectos deben avaliarse antes da súa concreción e coñecer a repercusión na sociedade, algo que non se está facendo.

Sobre a A-74 os orzamentos que veñen do Estado como da Xunta son practicamente nulos

-Os dous anos de moratoria nas cubas de Alcoa, en teoría para facer investimentos que non realizou en vinte anos, e por outra parte está o ocorrido con Vestas. Cales son as conclusións da CIG ante as posturas das empresas e que noticias tedes do día a día dos traballadores de ambas factorías?

Sobre o tema de Vestas e enlazándoo cos eólicos, vemos unha grande contradición dentro dun sector cun evidente futuro e pola contra, pechan unha empresa cuxa produción estaba destinada aos aeroxeradores, non é comprensible. Calquera parque eólico debera estar ligado a proxectos industriais que deixen empregos estables e de calidade. Sobre Alcoa, houbo dous anos de grandes mobilizacións, foi un exemplo de loita obreira e resaltar a implicación de toda a poboación da Mariña. Con todo, era un enfrontamento desigual entre unha comarca enteira e os traballadores contra unha multinacional e todo o seu poder. Unha multinacional cunha decisión clara de pechar e deixar este lugar. Coa distancia que dá o tempo logo da sinatura dese acordo entre Alcoa e comité de empresa, si que foi frustrante aceptar a parada das cubas, no seu momento foi unha lousa que caeu sobre toda a comarca, tanto traballadores da empresa como a cidadanía que se sentiu implicada nesta loita. Non obstante e insisto mirando todo desde a distancia destes últimos meses, freouse a intención de abandono da empresa alegando a falta de rendibilidade da planta e que xa tiñan decidido un plan de peche. Parouse xudicialmente e tamén coa presión popular. Algo que non houbo para frear as intencións de Alcoa foi a falta de apoio dos gobernos da Xunta e do central. Non actuaron, pasaron a pataca quente un ao outro. Aínda hoxe vemos que o estatuto das electrointensivas non está sobre a mesa, non hai unha tarifa eléctrica axeitada, a Xunta rexeitou a tarifa galega que se lle presentou e, por suposto, o tema da intervención nin o plantexaron. A situación agora mesmo, ante o abandono dos gobernos aos traballadores non lles quedou outra que aceptar este compromiso, un compromiso de viabilidade, pois agora a empresa está investindo de cara o futuro, a seguir producindo, xa non alegan falta de viabilidade, algo esperanzador aínda coas reservas que presenta esta empresa. Xa foi condenada polo TSXG e o TS por mala fe e iso fainos ter dúbidas sobre os seus plans de futuro. De momento hai investimentos de cara o futuro, mais debemos ser vixilantes de cara mobilizarnos aínda que temos esperanzas de seguir producindo aluminio aquí.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...